Asorey levaba presentándose aos concursos das Exposicións Nacionais de Bellas Artes dende facía anos. En 1920 "A Picariña", no 1922 "A Naiciña", no 1924 "O Tesouro". Coa Naiciña obtivo unha bolsa de estudos que cremos lle serviu para percorrer a meseta e coñecer a tradición imaxineira castelá. Co Tesouro xa consigue unha segunda medalla e finalmente en 1926 obtén unha primeira medalla co S. Francisco. Fóra das fronteiras do Estado outros artistas coma Picasso, Julio González, Pablo Gargallo, que asimilaron o vocabulario das vangardas artísticas: cubismo, expresionismo, surrealismo... colleitaban éxitos con maior repercusión internacional, pero a nivel español estes galardóns eran os máis importantes da arte peninsular. Coa súa primeira medalla de 1926, Asorey consagrábase coma un escultor de primeira orde na escultura española.
En anos anteriores Asorey elixira outras temáticas para presentarse ao certame. Eran mulleres galegas, polas que rezumaba o
espíritu nacionalista das Irmandades de Fala, ás que Asorey se adherira ao pouco da súa creación. Eran metáforas de Galicia, unha Galicia "asoballada" por caciques e impostos. Pero que moitos críticos en Madrid leron en clave folclórica.
"Santa muller galega" ou "A Santa", Centro Galego de Montevideo
Para o certame de 1926 Asorey elixe aparentemente outra temática,
"llamarme imaginero y no hacer santos" parece que dixo. Son "
A Santa" e un santo: o
"San Francisco". A cara e a cruz dunha mesma idea. Coa Santa a reivindicación de Galicia chega a súa máxima expresión. Xa non hai dúbida da mensaxe, se as obras "nacionalistas" anteriores podían pasar en observadores pouco avezados por temas folclóricos e nada reivindicativos, a imaxe da Santa móstrase brutal. Unha muller galega espida, cun corpo machacado polo traballo e portando un xugo de bois nos ombreiros. Alguén pode pensar que esta imaxe é folklórica? A raiña Vitoria Euxenia escandalizouse ao contemplala e non precisamente porque estivese espida. Esta obra enlaza coas mulleres anteriores.
San Francisco, Museo Provincial de Lugo
O Santo parece outra cousa, non hai reivindicación política, só espiritual... aparentemente.
Que levou a Asorey a realizar esta escultura? efectivamente el era coñecido como imaxineiro. Houbo unha polémica con
Valle-Inclán, que nun dos seus "arrebatos" dixo de Asorey no Heraldo Gallego (19-1-1927) que “
Asorey es imaginero malo y que los que premiaron su Santa están locos”. Ao que lle responde
Basilio Álvarez ( 6-3-1927) “
Para Valle-Inclán el único defecto del artista cambadés está en modelar imágenes (…) Si para ser escultor profano hay que ser artista, para ser imaginero hay que ser artista y además místico que es igual que gozar de celeste iluminación”.
Tamén debeu de influír o feito de que nese ano de 1926 se conmemorase o VII centenario da suposta peregrinación a Santiago de S. Francisco de Asís e xa os franciscanos santiagueses lle encargaran a Asorey a realización dun gran monumento en honra do santo de Asís que sería inaugurado 4 anos despois. Ou sexa que Asorey xa estaba traballando na figura do santo. Non hai que esquecer tampouco a cercanía de Asorey coa ideoloxía franciscana, da que chegou a ser membro da súa orde terciaria (para seglares). Todo isto contribiu, cremos, a que saíse dos seus ciceles unha obra mestra.
Fotos de Adela Leiro
O xesto do santo cos
brazos abertos e os ollos pechados reforza, cun recurso moi sutil pero moi
efectivo, a espiritualidade da figura e
consigue transmitir un efecto de liviandade na escultura que vai ben co tema. O pesado tronco de castiñeiro no que está esculpida parece que non pesa, que se levanta do chan...
Non hai mensaxe política explícita como nas esculturas de mulleres anteriores, aquí o tema principal é claramente místico e espiritual, pero a reivindicación de Galicia está implícita. Escribiuse na revista nacionalista Nós que: "Aseguran
que Asorey fixo esta obra, porque aló en Madrí puñéronlle a chata de que non
sabía tratar mais que temas galegos. E anque así fora qué?... E si o San
Francisco é un tema universal, deixará de ser galego?"
San Francisco é un Santo humilde e pobre, como Galicia. Deuse ben conta o seu amigo Cabanillas, que no poema que le na inauguración do Monumento a San Francisco en 1930 di:
…e benzoa esta terra que é tan túa
por homilde e por probe e por gallega!